Conferencia de Nyon

Mapa do Mediterráneo cos nomes de varios dos estados e mares involucrados na conferencia.

A conferencia de Nyon foi unha conferencia diplomática que tivo lugar en Nyon, Suíza, en setembro de 1937 para debater os ataques no transporte marítimo internacional de mercancías no mar Mediterráneo durante a guerra civil española. A conferencia convocouse debido en parte ás accións de guerra submarina sen restricións levadas a cabo por Italia, malia que o acordo final da conferencia non acusou a Italia directamente, referíndose a estes ataques como "pirataría" por parte dun organismo non identificado. Italia non estaba oficialmente en guerra, e non se identificara ningún dos submarinos. A conferencia deseñouse para reforzar a non intervención na guerra civil española. O Reino Unido e Francia lideraron a conferencia, á que tamén asistiron Bulgaria, Exipto, Grecia, Romanía, Turquía, a Unión Soviética e Iugoslavia.

O primeiro acordo, asinado o 14 de setembro de 1937, incluía plans para contraatacar a calquera submarino agresivo. Establecéronse patrullas navais, co Reino Unido e Francia patrullando gran parte do Mediterráneo occidental e partes do leste, e o resto de asinantes patrullando as súas propias augas. Decidiuse permitirlle a Italia unirse ó acordo e patrullar o mar Tirreno se así o desexaba. Tres días despois asinouse un segundo acordo, aplicando disposicións semellantes para os navíos de superficie. Italia e Alemaña non asistiron á conferencia, malia que Italia si realizou patrullas navais a partir de novembro de 1937. En contraste coa maioría de accións e disposicións do Comité de Non Intervención e da Liga das Nacións, a conferencia de Nyon tivo éxito na aplicación das disposicións acordadas.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy